Despois de publicar Papóns, gañador do IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado e recoñecido cos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025 na categoría de Libro Ilustrado, Sandra Lodi volve con Adelina, Premio Castelao de Banda Deseñada 2024.
En Papóns, Lodi ofreceu un canto á identidade propia, ás nosas raíces e á diversidade real dos corpos e das vidas. A través da historia de Inés, unha nena que escapa das convencións e conecta coa súa esencia máis profunda, este álbum constrúe un espazo de representación onde a nosa sociedade pode sentirse reflectida.

Con Adelina, a ilustradora mantén a mesma forza narrativa. Adelina é unha muller maior que escapa da residencia na que está internada contra a súa vontade cun propósito tan teimoso coma ela: volver á súa casa. O resultado é unha obra que combina reivindicación, humor e crítica social cun estilo divertido e irreverente. Unha historia que defende a dignidade, a liberdade persoal e o dereito a decidir como queremos vivir, rompendo cos prexuízos e cos discursos idadistas.
Sandra Lodi (Lugo, 1990) é ilustradora, deseñadora e artista plástica. Formouse en Belas Artes na Universidade de Salamanca e ampliou coñecementos na Accademia di Brera (Milán). Publica en Mongolia e en El Estafador, e colabora con outros medios como ilustradora de prensa. Ao longo da súa traxectoria recibiu recoñecementos como o Segundo Premio Curuxa de Humor Gráfico, a selección na XII Bienal de Pintura Eixo Atlántico, o Primeiro Premio do combate mural do Culturbán (Lugo, 2022) ou o IV Certame de Pintura do Festival de Cans (2023). En 2024 gañou o Premio Alberte Quiñoi coa obra Papóns e ilustrou Sucos, de Ignacio Vidal Portabales, na colección Árbore.
Adelina chega agora ás librarías para reafirmar a voz singular dunha creadora libre e potente.