Conferencia: “Textos filocomunistas de Castelao no trienio da Guerra Civil”, con Xesús Alonso Montero, en Vigo

Categoría: Nova

O martes 18 de novembro, celebrarase, ás 19 h, no salón de actos da Casa Galega da Cultura, Fundación Penzol, en Vigo, unha conferencia con Xesús Alonso Montero que leva por título Textos filocomunistas de Castelao no trienio da Guerra Civil.

O acto será presentado por Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol.

Dentro das actividades que a Fundación Penzol desenvolve ao longo deste 2025 con moti- vo do Ano Castelao, o vindeiro 18 de novembro, o profesor Xesús Alonso Montero, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela e padroeiro da Fundación Penzol en representación da Real Academia Galega, disertará sobre “Textos filocomunistas e prosoviéticos de Castelao no trieno da Guerra Civil, nomeadamente en 1938, o ano en que Castelao viaxou pola Unión soviética durante vinte e seis días”.

O autor de Laio polo irmán ausente. Castelao no epistolario de Otero Pedrayo e outras voces (Galaxia, 2006) e Castelao na Unión Soviética en 1938 (Xerais, 2012) tratará na súa intervención das colaboracións do rianxeiro na revista Nueva Galicia, que dirixían os comunistas; dos vinte e seis días da súa viaxe á URSS en maio de 1938; sobre o porqué dos vocábulos “filocomunismo” e “prosovietismo” do título da conferencia e se achegará ao Castelao posterior á Guerra Civil, entre outros temas de interese, como as opinións de Antonio Machado e Castelao, nas mesmas datas, sobre o socialismo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email