Volve a cociña de Larpeiros

Categoría: Nova

Xa está chegando ás librerías de todo o país o novo libro do cociñeiro Benigno Campos quen, desta vez, decidiu titular o seu traballo 'Volve a cociña de Larpeiros', título ben acaído pois a súa é unha cociña xa coñecida, e seguida, por milleiros de galegos e galegas que atopan nas súas propostas, receitas sinxelas e sabedeiras que nos reconcilian co sabor galego máis tradicional. Velaí un dos méritos de Benigno Campos: traballar cos produtos da terra, coas mercadorías galegas, as que se atopan nos mercados achegados á xente e, con eles e dende eles, elaborar unha proposta gastronómica que ensalza e magnifica a virtude da nosa cociña tradicional.
Este terceiro libro, como xa pasou coa proposta musical do segundo, ten tamén un "ingrediente" máis que lle dá un novo valor ao volume. Desta volta, Benigno Campos agasállanos con 30 "segredos de cociñeiro", eses trucos que só os mestres da cociña coñecen e que van permitirnos aderezar cun toque especial todos e cada un dos pratos que poderemos facer usando o seu libro. Trinta consellos que o noso cociñeiro emprega a diario no seu traballo entre potas e tixolas.
Agora comezaremos unha xeira de presentacións do libro, sendo a primeira este xoves día 18, ás 20 horas, na Casa do Libro de Vigo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email