Vigo na Fundación Penzol

Categoría: Nova

O vindeiro xoves día 10, ás 12 da mañá, inaugúrase na Sala de Exposicións da Casa Galega da Cultura de Vigo a mostra VIGO NA FUNDACIÓN PENZOL,no marco das actividades que están tendo lugar ao longo do ano co gallo da conmemoración do seu Cincuentenario. No acto intervirán o presidente da mesma, Alfonso Zulueta de Haz, o seu director, Francisco Domínguez e mais o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Colaboran a Editorial Galaxia e o concello olívico.

Comisariada por Francisco Domínguez e María Ángeles Vidal, directora técnica da biblioteca, a exposición pretende, por unha banda, poñer en valor os seus ricos fondos locais, amosando unha interesante e variada selección bibliográfica e documental dos mesmos, máis de un cento, que se presentan agrupados en diveras seccións (manuscritos, mundo editorial, prensa, materiais especiais, etc.) E, pola outra, tenta tamén render tributo e homenaxe á cidade olívica pola súa cálida e amigable acollida dende o 1963, ano da súa apertura, e outrosí ao seu concellopolo xeneroso e constante apoio recibido.

Francisco Fernández del Riego, responsable e director vitalicio da Biblioteca Penzol ata o ano 2010, gustaba dicir da mesma que "durante corenta anos consecutivos foi para min fogar de cultura".

Comparte nas túas redes sociais ou por email