Víctor Alfonso Castro Martínez

Categoría: Recensión

Alédame moito facer unha breve crítica desta novela-disco de Xoán Curiel e Charo Pita con ilustracións de Iván R. editada por Galaxia que nestes intres estou a disfrutar nunha mañá chuviosa de domingo.
O primeiro que me chama a atención é o formato diferente deste traballo dentro da serie Sonárbore. Ademáis de ser un disco infantil resáltase o aspecto literario e amósase como moi apetecíbel para traballar na biblioteca escolar.
As ilustracións son ben orixinais e teñen un toque de humor que chega a tódolos cativos de forma inmediata.
Os relatos, breves, concisos e cheos de frescura; navegan polo mar dunha fermosa historia de colegas amantes da música nun verán especial.
A música viaxa por varios estilos a través de dúas voces, masculina e feminina, que amosan moita intencionalidade e conseguen introducirnos no estado de ánimo dos personaxes. A instrumentación, as composicións, as letras, os efectos sonoros de carácter infantil teñen un gusto esquisito.
Boto en falta o soporte audiovisual, aínda que coñecendo a marabillosa faceta en escea de Xoán Curiel como grilo nun traballo de Magín Blanco, estou seguro que nos directos queda perfectamente complementado este traballo.
Son mestre de Educación Musical en Infantil e Primaria, teño unha filla de 7 anos coa que disfruto dos libro-discos que temos en Galicia, son coautor dun deles: "Tambo" de Edicións do Cumio… e recomendo encarecidamente este fermoso traballo que considero un afortunado agasallo á música e á literatura infantil en galego.
Parabéns a todos/as o que fixestes posíbel que esté nas miñas mans!!

Comparte nas túas redes sociais ou por email