Versos para conversar, de Xoán Carlos Dominguez, no Caderno da crítica

Categoría: Nova

Xoán Carlos Domínguez vén de publicar Versos para conversar, poesía que vai de ti para min. Poesía para ler e entender o mundo. Para saber como se nomean as cousas e para recitar e falar. Unha pequena folerpa poética na que repara o crítico Ramón Nicolás na súa bitácora Caderno da crítica.
“Dominado por unha vontade que abraza o diálogo e a conversa, isto é, eses puntos de unión que a palabra posibilita e que se amosa como elemento clave que estrutura esta entrega poética, Xoán Carlos Domínguez Alberte exhibe, neste libro, unha boa mostra da súa versatilidade ao internarse, con paso firme, no eido da literatura infantil  polo que os seus principais destinatarios serían estes mais, evidentemente, non só. Versos para conversar, así pois,  emprega as ferramentas do xénero cunha perspectiva que deixa explícita nun paratexto: “Para que falarmos / con poesía / sexa un lazo / cotián de unión / entre nós.”
Engade que “As cousas, os animais, os sentimentos, mesmo os conceptos a priori abstractos, existen porque os nomeamos, pola existencia da palabra e velaquí, se callar, unha das claves deste excelente libro poético: axuda a nomear as cousas para que existan ou volvan existir, facéndoo con “palabras vivas” instaladas para sempre no “país das carqueixas”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email