Universidade e Fundación Penzol homenaxearon a figura do intelectual galeguista Francisco Fernández del Riego

Categoría: Nova

No ano 1992 a Universidade de Vigo nomeou e recoñeceu como primeiro Doutor Honoris Causa da institución académica a Francisco Fernández del Riego.
Case vinte anos despois, co gallo do seu pasamento, nos xardíns do CACTI plantouse un pradairo na súa memoria.
Agora, no Centenario do nacemento do egrexio galeguista, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria quixo sumarse as diversas celebracións que se están levando a cabo ao longo do ano e tivo a ben organizar un novo acto duplo.
Primeiramente, onte ás doce da mañá e ao pé do amentado pradairo tivo lugar a descuberta dunha placa identificativa cun fermoso texto que pode ser lido na foto adxunta. Interviron no mesmo Xose-Henrique Costas, como vicerreitor da UVigo, Alfonso Zulueta; como presidente da Fundación Penzol e institución colaboradora; Anxo Tato, en representación do colectivo Trabalinguas; e unha estudante que falou no nome dos Comités.
Entre os asistentes atopábanse diferentes membros da comunidade educativa, da devandita fundación e algúns familiares do homenaxeado, entre os que destacamos a emotiva e significativa presenza da súa nonaxenaria irmá, Ana María Fernández del Riego.
Algo despois, no Salón de Graos desenvolveuse unha interesante mesa redonda na que se achegaron diferentes facetas do noso personaxe e da que daremos conta máis polo miúdo en días vindeiros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email