Unha prosa poética chea de profundidade

Categoría: Nova

Sandra Ferreiro García publica, na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia, Castelos de cristal.

Noutrora erixíanse brillantes castelos de cristal máis aló do ceo. Agochaban todo tipo de historias e segredos: os contos que a noite recitaba, as lembranzas dalgunha serea, o po das estrelas fugaces… mesmo o cantar das ondas. Mais os castelos de cristal estaban destinados a romper e a caer. Deles xa só quedan fragmentos esparexidos polo mundo e polo tempo, á espera dalgún camiñante que se atreva a internarse no caos e recolla os restos desas historias perdidas.

Sandra Ferreiro constrúe, en Castelos de cristal, uns relatos que invitan á lectura pausada e reflexiva a través dunha prosa poética chea de profundidade e sosego. Este libro nace de relatos que acompañaron á autora ao longo dos anos. Esta proposta mestura fantasía, emocións, e esperanza, entre as ruínas das historias.

Sandra Ferreiro García (A Estrada, 2000) é graduada en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago. Escribe desde pequena e gañou e recibiu varias mencións en diversos concursos de relatos.

Gústalle compartir na rede o seu proceso de escritura, onde tamén mostra algunhas das súas creacións literarias, entre as que sempre anda perdida…

Podes seguila en: @sandra_fega (Instagram e Twitter)

Comparte nas túas redes sociais ou por email