Onte coñeciamos a nova de que a novela de Antón Lopo, 'Obediencia', viña de gañar o Premio de Novela Manuel García Barros.
Mantivemos con el unha conversa na que comezou amosando a súa ledicia pola concesión do galardón, pois "os premios axudan sempre á difusión da obra, e engade un interese obvio para o público". Logo, non sen retranca, engade que "ademais, coa crise que estamos a vivir, a dotación económica tamén resulta algo interesante".
Algo que nos chamou a atención foi o asunto da presenza das matemáticas. Quixemos saber por que. Lopo cóntanos: "coido que as matemáticas son a forma de concesión poética máis sofisticada que existe. Xa estaban presentes na miña obra anterior, por exemplo en 'Ganga'. Agora tamén aparece. É un recurso literario mais ten tamén unha importante presenza simbólica no conxunto da historia'. Reflexionando sobre isto, engade: "coido que hai moita beleza nunha fórmula matemática. Paréceme que Einstein era un gran poeta. Un soneto ten tamén moito de matemático. Pero moito máis sublime que un soneto é a fermosa complixidade dunha fórmula matemática".
Inquirímoslle sobre o asunto do control político e sobre as loitas de poder nunha Galicia futura que hai na novela, se intúe que van xenerar algunha clase de polémica. Aí é rotundo: "non vexo por que tería que xerar ningunha clase de polémica. A miña non é máis ca unha novela de aventuras, e en todas as novelas de aventuras o debate arredor do poder sempre está presente. Dende 'Os tres mosqueteiros' a calquera outra que poidas imaxinar. Eu o que espero é que a disfruten os lectores, tanto pola trama como polo que ten de simbólica. A fin de contas non é máis ca unha novela de ciencia ficción de aventuras".