A ilustración de Kristina Sabaite, creada para o libro Unha estrela para Amina, Premio ‘O Facho de Teatro Infantil 2019’, de Celia Díaz Núñez, foi seleccionada para formar parte da exposición do Festival do Libro Ilustrado Baba Kamo, en Valencia.
A ilustración foi seleccionada por un xurado formado por Diego Areso, deseñador e director de arte de El País, Marcos Guardiola «Maguma», ilustrador e gañador da pasada edición de Baba Kamo, Tereza Horváthová, editora da editorial Baobab e directora do festival Tabook (Praga), Elisabeth Pérez Fernández, directora do festival Irudika, editora de Bonito Editorial e presidenta de Euskal irudigileak, e o Equip Baba Kamo (Clara Berenguer, Manuel Garrido Barberá e Paula Pérez i de Lanuza).
Este é todo un recoñecemento ao talento que Sabaite plasmou no libro. Unha obra dedicada á infancia que amosa a dureza da vida a través dos ollos dunha boneca. Fala desas guerras invisibles, desas persoas que están refuxiadas e das que ninguén quere saber. É unha historia de tenrura e de valentía.
Podedes acceder á exposición online premendo aquí.