Un texto dunha luz que alegra

Categoría: Nova

Este xoves presentouse na sede da viguesa Fundación Carlos Casares, a nova obra de Manuel Janeiro, 'A abella abesullona'. No acto participaron o editor da obra, o Coordinador de Novos Proxectos da editorial, Francisco Castro, o escritor Antonio García Teijeiro e o autor.
Francisco Castro explicou a emoción que sentira cando o texto chegou ás súas mans e a ilusión por editar 'un libro que é todo poesía, que é un pracer ler e do que hai que destacar, sobre todo, como está escrito. Dá gusto editar libros tan ben construídos'.
Foi o escritor Antonio García Teijeiro o encargado de debullar polo miúdo a obra a presentar. Comezou explicando que Manuel Janeiro é, para el 'unha persoa moi especial dende aqueles afastados tempos do nacemento da colección Árbore, cando con Pilar Sampil, Carlos Casares e David Otero botabamos a andar aquela aventura fermosa. Dende aquela é para min unh apersoa fundamental'. Falou tamén da súa faceta como deseñador editorial, 'na que Janeiro demostra que se pode facer poesía con imaxes', e recordou tamén que os seus primeiros tres libros foron ilustrados por el.
Centrándose no libro, celebrou ao 'escritor comprometido co feito literario, unha persoa auténtica e con calidade, co seu propio criterio. Janeiro escribe o que precisa escribir, buscando a calidade por enriba de todo'.
A xuízo de García Teijeiro, 'A abella abesullona' é 'unha historia intelixente e ben contada. Gocei moitísimo deste libro, un volume optimista e ateigado de calidade. Semella un texto sinxelo, pero sinxeleza non quere dicir simpleza. A obra de Janeiro ten: pulcritude, unha linguaxe coidada, humor, crítica, modelos de vida como a amizade, a liberdade, a solidariedade, personaxes vivos e suxestivos… En definitiva un texto dunha luz que alegra. O elemento afectivo nótase pero non ten nada que ver co paternalismo. Un texto no que se respiran as herbas de San Xoán'.
Finalmente o autor explicou que o seu libro 'trata das cousas pequenas que os adultos non vemos pero que os nenos, que son moito máis universais ca nós si que notan'. Explicando a súa poética, comentou que 'o importante dos libros é que sexan literatura' e que coa súa historia pretendeu 'seducir e entreter'. Finalmente, concluíu sinalando que 'son da opinión de que un bo libro de literatura infantil ten que ser quen de gustar a un bo lector adulto'.
O acto concluíu cun viño, queixo e mel grazas á amabilidade dos amigos sempre atentos da Fundación Carlos Casares.

Comparte nas túas redes sociais ou por email