Un percorrido pola historia da muiñeira como símbolo identitario de Galicia

Categoría: Nova

Da tradición popular á construción dun símbolo colectivo.

Editorial Galaxia publica Do baile da gaita á muiñeira, de Julio Alonso, un rigoroso e revelador estudo arredor da evolución da muiñeira como un dos grandes símbolos identitarios da cultura galega.

Froito da súa tese de doutoramento, a obra, publicada na colección Ensaio, percorre a historia da muiñeira desde as primeiras fontes escritas ata a súa consolidación como representación xenuína da música galega. O libro afonda nos mecanismos culturais e sociais que contribuíron á súa construción simbólica, partindo do chamado “baile da gaita”, denominación coa que este baile era coñecido na súa difusión pola Península Ibérica durante o século XVII.

Con este traballo, Julio Alonso ofrece unha investigación pormenorizada que combina análise histórica, musicolóxica e cultural para achegarnos unha nova mirada sobre unha das expresións máis recoñecibles da tradición galega.

A cuberta do libro incorpora unha ilustración de Castelao pertencente a Os vellos non deben de namorarse, reforzando así o diálogo da obra coa memoria cultural e artística de Galicia.

O venres 22 de maio, ás 20:30 h, celebrarase no Auditorio do Multiusos da Xunqueira, en Redondela, a presentación do libro. Acompañando o autor, estarán Xurxo Martínez, investigador e responsable técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela; e Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e coordinadora de Novos Proxectos de Editorial Galaxia.

O acto contará tamén cunha interpretación musical a cargo de Alejo Amoedo ao piano e Xiana Teixeiro á gaita.

Julio Alonso Monteagudo (Redondela, 1969) é licenciado en Musicoloxía pola Universidade de Oviedo e doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2006 exerce como profesor no departamento de Musicoloxía do Conservatorio Superior de Música de Vigo, centrando boa parte do seu labor na formación de novas xeracións de investigadores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email