Publicado na colección Memoria histórica, Vivir e morrer pola causa, de Carlos Portomeñe, ofrece a oportunidade de coñecer en detalle a biografía de José Gómez Gayoso.
O protagonista, foi un loitador político que tivo que vivir nun tempo ateigado de adversidades e definido polos horrores da represión extrema da Ditadura.
Lendo a biografía que nos brinda Carlos Portomeñe ninguén quedará indiferente. A de José Gómez Gayoso é a dun cidadán tan comprometido coa causa revolucionaria que nunca tivo dúbidas á hora de dedicar os seus traballos e os seus días, enteiramente, a esa causa. Fíxoo en anos moi duros da represión franquista, aínda sabendo que o seu final persoal sería, moi probablemente (case seguro), a morte, a morte tras pasar polo rito fascista da tortura. Pero el era unha peza da revolución, unha peza que tiña a obriga moral de loitar e resistir; asegura o catedrático Xesús Alonso Montero no limiar do libro que, a semana pasada, acompañou ao autor na primeira presentación do mesmo, na libraría Cartabón.
Esta obra ofrece unha visión moi completa e excelentemente contextualizada dunha figura heróica. Unha figura que era consciente de ser soldado derrotado dunha causa invencible, pero que entregou a súa existencia á mesma. El foi un persoeiro cunha vida digna de novelar e Portomeñe fai xustiza con esta publicación.
Carlos Portomeñe (Lugo, 1968) estudou Ciencias Políticas na USC, é escultor e artesán especializado na construción de escenografía e atrezzoteatral. Foi secretario xeral do Partido Comunista de Galicia (2002-2014) e pertence ao Comité Central do PCE desde 2002. Tamén exerceu como portavoz municipal de EU no concello de Lugo (2015-2019). Columnista e colaborador habitual de Mundo Obrero (xornal fundado en 1930), é activista e investigador da memoria democrática. Publicou La matanza de Atocha y otros crímenes de Estado. Anatomía de la Transición(2022).