Recomendacións poéticas para comezar o ano

Categoría: Nova

Dende a Editorial Galaxia recomendamos algúns dos poemarios que engrosan a nosa colección Dombate. Unha colleita que aposta por coidar e fomentar a publicación poética galega.

Luisa Castro presenta en Un amor antigo, o seu novo comezo como autora, un comezo que nos asoma á vertixe das emocións e as súas contradicións, deixándonos nese limbo de extrema quietude e vitalidade total que só a morte ou o amor concitan.

Este poemario é varias cousas ao mesmo tempo. Unha volta ás orixes onde a pegada do amor acode para rescatarnos, pero tamén pode ser o comezo dun vivir máis libre, sen noción ningunha do pasado.  Quizabes, malia a distancia,  xa no compás daquelas baleas estaba marcado o rumbo destes versos que nos lembran que amar implica esquecer, e vivir sempre comezar.

Pola súa banda, Luz Campello escribe dende a experiencia de quen sucou os mares e sabe dos naufraxios, en Ben sabe o mar que posúo o botín das piratasAtopámonos cunha voz íntima que se recoñece na intemperie, e que se cuestiona o mundo desde as súas arestas. Un poemario de denuncia e resiliencia que transita no tempo e no devalar das mareas até desfragmentar as feridas e acadar o botín, a única ganacia propia / a ganancia das derrotas.

Traducido do inglés ao galego por María Armental, Poemas escollidos, de Liz Lochhead, presenta unha selección persoal de poemas publicados nas últimas catro décadas pola autora.

O amor e a memoria son a forza destas composicións, que van dende a linguaxe á paisaxe, dende o amor á historia, dende a paixón pola música e as artes plásticas ata o feminismo. Ás veces conmovedora, ás veces divertida, extravagante, sempre loitadora, franca e chea de entusiasmo, esta tradución é unha homenaxe a unha das poetas contemporáneas máis prezadas e celebradas do Reino Unido.

Comparte nas túas redes sociais ou por email