Na portada da nosa web activouse esta semana unha sección que chamamos ACCIONISTAS e que pretende ser unha ventá aberta pola que circule dun xeito fluído a información entre a Editorial e o seu accionariado, tanto presente como futuro.
Nese espazo, iremos publicando toda aquela información que teña relevancia para o coñecemento das persoas que forman o amplo espectro de accionistas da nosa editorial. Co paso das semanas iremos facendo públicos aí, nun exercicio de transparencia, os Estatutos da sociedade, a composición do Consello de Administración, os distintos acordos que se tomen, así como os anuncios das convocatorias das xuntas xerais e todo o referente á ampliación de capital no que neste intre está inmersa Galaxia dentro dun Novo Plan Estratéxico a poñer a andar a partir deste ano.