Pouco escoitei falar nesta campaña electoral de cultura, se cadra porque iso non dá tantos votos como falar de coches… Pero quero ver nese feito constatable unha fenda de esperanza, e crer que a nosa cultura pode suscitar máis consensos que liortas, máis entusiasmo que escepticismo, e que non vai ser utilizada para o axuste de contas sectario.
Quero crer que o novo equipo encargado de xestionar a política cultural galega vai aproveitar o traballo feito nesta lexislatura que agora fechamos (cunha certa saudade), que non vai desmantelar tantas estructuras creadas, tantas redes tecidas e que saberá aproveitar o pulo que dende a Consellería e a Dirección Xeral se lle deu á nosa música, á danza, á literatura… aínda que quedase tanto por facer.
E digo isto porque teño a impresión de que o labor serio, constante e a miúdo pouco visible do equipo saínte ficou escurecido pola inexplicada defenestración dunha Conselleira a que sempre se lle relearon apoios, malia ser quen de coller o touro da Cidade da Cultura polos cornos, e de liderar un dos proxectos máis coherentes da lexislatura. E penso eu que, na desfeita, cómpre reparar en que non todo é entullo.