Teatro, educación, historia

Categoría: Nova

Dende a antiga Grecia, o teatro, a súa saúde e presenza na sociedade, é un indicador da saúde dunha sociedade. En permanente debate, o teatro axúdanos a entendérmonos mellor na medida en que, no fundamental, fala de todos nós.
A Editorial Galaxia tira do prelo estes días, precisamente, dous novos volumes da súa Biblioteca de Teatro.

Por unha banda, o libro de Gavin Bolton, un dos máis destacados especialistas en expresión dramática no universo anglófono, baixo do título 'A expresión dramática na educación (argumentos para situar a expresión dramática no centro do curriculo), volume que axuda a entender as relacións, sempre cambiantes ao longo da historia, entre a arte dramática e a educación.

O segundo dos títulos é da profesora na Universidade Michel de Montaigne-Burdeos III e directora de investigación na Universidade de París III-Nova Sorbona, Anne Surgers, e leva como título 'Teatro occidental: unha historia teatral desde a esconografía'. Neste texto, a profesora achégase á reflexión sobre o papel que xogan os elementos escénicos, tamén, como elementos actuantes.

En definitiva, dous libros para seguirmos as investigacións últimas arredor do teatro e as súas múltiples e multidisciplinares dimensións.

Comparte nas túas redes sociais ou por email