Sonárbore copa os finalistas dos Premios Martín Códax da Música

Categoría: Nova

Na festa dos finalistas dos Premios Martín Códax da Música 2018, celebrada onte nas bodegas Martín Códax en Cambados, soubemos que tres dos traballos publicados por Sonárbore o pasado 2017 ocupaban os tres postos finalistas na categoría de música infantil: Pitusa Semifusa e os estilos musicais de Olga Brañas, Pakolas de Paco Cerdeiras e Cancións para desafinar de A Gramola Gominola. Tres libros esenciais dunha das coleccións máis exitosas da Editorial nos últimos anos. Deste xeito, Sonárbore convértese unha vez máis na principal referencia da música para cativos en Galicia.
Con Pitusa Semifusa e os estilos musicais, Olga Brañas anima aos máis pequenos a coñecer o blues, o reggae, o funky, o swing, o hip hop… Mentres que en Pakolas, un libro publicado en colaboracion co Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, a música axúdanos a medrar en todos os sentidos. E con Cancións para desafinar non hai idades nin barreiras para a música, e moito menos para comezar a rockandrollear.
O vindeiro 9 de maio coñeceremos ás gañadoras e gañadores desta quinta edición dos Premios Martín Códax, nunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra. Mentres, vaia os noso parabéns aos finalistas, felices e orgullosos do noso equipo, das ilustradoras e ilustradores, da editora dos tres volumes Malores Villanueva, pero sobre todo de cada vez sexan máis as cativas e cativos que cantan en galego cos libro+cd de Sonárbore.

Comparte nas túas redes sociais ou por email