Velaquí as sinaturas da Editorial Galaxia que se celebrarán, esta fin de semana, na Feira do Libro de Santiago:
Día 20, ás 12:00 h, Sinatura de Galicia, o país das marabillas, de Claudia Castro, ilustrado por Emanuel Lomeña.
Velaquí unha nova visión, insólita, divertida e poética, sobre Galicia.
13:00 h. Sinatura de Carabela, de Paula Carballeira, ilustrado por Abi Castillo.
Este libro conta a historia de Carabela, a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico, onde está soa e rodeada de peixes mutantes que a advirten que son tóxicos, de paxaros que tamén se queixan por comer substancias nocivas… Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de Plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena.
20:00 h. Sinatura de Carrusel, Premio García Barros 2019, de Berta Dávila.
Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.
Día 21, ás 20:00 h, Sinatura de Camiño de paixóns, I Premio de Novela Camiño de Santiago, organizado e convocado pola Academia Xacobea, de Carlos Meixide.
Unha historia que o seu autor define como pulp e que toma o Camiño de Santiago coma un pretexto para explorar a natureza humana a partir de dúas mulleres que, levadas polo azar e pola paixón, farán o Camiño xuntas. Polo medio, un caso de terrorismo internacional inesperado. Unha reflexión tamén sobre o poder do erotismo e das moitas formas do amor.