A senda de sal: a estrea narrativa de Fran Fernández Davila

Categoría: Nova

Editorial Galaxia publica A senda de sal, obra coa que Fran Fernández Davila obtivo o Premio de Novela por Entregas convocado polo xornal La Voz de Galicia. Nesta novela, un vello mariñeiro, no solpor da súa vida, sente a necesidade de relatar uns episodios decisivos que viviu na súa mocidade. Unha serie de acontecementos que se remontan aos anos da Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, cando en na costa Sur de Galicia confluíron algúns sucesos que, malia o seu carácter clandestino, tiveron un impacto histórico considerable.
Na súa primeira novela, Fernández Davila combina á perfección a axilidade e a intriga do relato cun pulo estilístico literariamente ambicioso. A senda de sal arrinca co encontro entre ese mariñeiro e unha muller en crise, a quen escolle para rescatar da memoria máis distante aqueles feitos nos que, sendo neno, tivo unha participación crucial. Na costa Sur de Galicia conflúen os dous bandos que pouco despois haberían de enfrontarse na contenda bélica mundial: aliados e nazis. Un drama no que os galegos tamén se verán implicados.
O propio autor describía así a novela nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia pouco despois da entrega do premio: “Investiguei a espionaxe e a contraespionaxe, o papel de Vigo na Segunda Guerra Mundial, e vin que era asunto fascinante, que había moito por descubrir. […] Todo iso era inspirador. Aínda está por facer un estudio definitivo do rol que xogou Galicia como enclave durante a Segunda Guerra Mundial.”
Fran Fernández Davila (Canido, Vigo, 1974) é enxeñeiro de Minas, especialidade de Intensificación Enerxética, e traballa desde o ano 2000 como Enxeñeiro de Refrixeración. En 2016 e 2017 foi finalista do Premio de Poesía Victoriano Taibo coas súas obras Capetón e Saint-Pierre-et-Michelon. Un ano despois, resultou gañador do Certame de Relato Curto “A Cividade”, de Mos, con “O Premio”, e do Microcatrorrelato, con “As balas de Koch”. Ese mesmo ano, obtén o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia con A senda de sal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email