Chegaba ás mesas de novidades estes días O xardineiro dos ingleses, a novela coa que Marcos Calveiro gañou a última edición do Premio García Barros. A obra premiada no certame que organiza o Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística destaca pola súa capacidade para tecer unha trama que mestura episodios de carácter histórico coa actualidade, creando unha obra única na que o pasado ilumina o presente.
O xurado do Premio García Barros salientou da novela gañadora o logro de inserir os principais acontecementos da historia europea do século XX e particularmente da Guerra Civil, como elementos dunha trama narrativa concretados neste caso na presenza e legado da comunidade inglesa e alemá en Vilagarcía de Arousa. “Escrita con habelencia, consegue recrear axeitadamente ambientes e achegarnos un poderoso caudal narrativo a través de diferentes voces que se complementan, na súa ollada e circunstancias, coa do escritor protagonista.”, segundo di a acta.
En Vilagarcía, a principios do século XX, o destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca da liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia.

 
Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968) deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007). En 2007, recibiu o Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, libro que logo recibiría o Premio White Ravens. Tamén obtivo o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil en 2008 con O canto dos peixes, o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil de 2009, o Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil de 2010 pola obra O pintor do sombreiro de malvas e o Premio Merlín de Literatura Infantil 2012 por Palabras de auga (2012). En 2011 publicou Lois Pereiro. Náufrago do paraíso e Centauros do norte, co que obtivo o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil. É autor das novelas Festina lente (Premio da Crítica 2008, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa, Autor do ano 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009), Setteccento (2010) e Fontán, coa que obtivo o Premio Repsol en 2015. En literatura xuvenil, publicou Todos somos (2013), As palabras poden matar (2015) e Días azuis, sol da infancia (2017).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR