Onte, día 7 de maio, foi anunciado publicamente que Santiago de Compostela será a cidade convidada á Feira Internacional do Libro de Buenos Aires de 2016. O anuncio foi feito polo secretario da Fundación del Libro, Alejandro Vaccaro, en presenza do Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. Acompañábaos o Presidente da Academia Arxentina das Letras, José Luís Moure.
Entre o público que recibiu a nova achábanse a directora de Actividades Culturais da Fundación del Libro, doutora Nelly Espiño, e escritores como María Esther Vázquez, María Rosa Lojo, Ruy Farías Iglesias e Xavier Alcalá, o director do Colexio Santiago Apóstol, Carlos Rodríguez Brandeiro, e membros do Terzo da Fala.
De inmediato recibiuse a felicitación de personalidades coma o presidente da federación de Asociacións españolas na Arxentina, José María Vila Alén.