Saiu do prelo 'Os kowa', de Xavier Queipo

Categoría: Nova

Xusto antes do comezo da semana santa saía do prelo un dos libros máis esperados desta tempada como é o recente Premio Blanco Amor de Novela Longa, 'Os kowa' de Xavier Queipo. Será esta semana cando estea presente nos andeis das librerías e se presentará diante dos medios de comunicación e o público lector.

A presentación oficial ante os medios terá lugar o mércores 30 de marzo ás 11h30 da mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, coa presenza do autor, de Carlos Lema e máis de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. Esa mesma tarde, ás 20h, farase unha presentación aberta ao público na libraría Pedreira de Compostela coa presenza do autor, Agustín Agra e Víctor F. Freixanes. E o xoves 31, tamén ás 20h, na libraría Andel de Vigo, coa presenza do autor, Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Trátase dunha novela de aventuras que comeza en Europa (Bruxelas, Compostela, Copenhague) para continuar co pano de fondo da selva amazónica. Partindo dunha casualidade, a descuberta nun catálogo de bolboretas tropicais dun espécime de Callitaera aurora, Xavier Queipo escribe un texto de celebración da aventura, da busca da identidade, dese lugar privativo que é o noso lugar no mundo. O narrador é un científico naturalista que, logo de iniciar unha viaxe equinoccial, se atopa perdido no medio do mato, nunha selva inzada de perigos mais tamén de descubertas existenciais. Conforme avanza o relato, as reflexións íntimas do protagonista van deixando un pouso entrópico que nos devolve ao paraíso perdido, á selva enigmática, ao labirinto sen fío de Ariadna salvador. Xavier Queipo consegue un alento narrativo intenso e, ás veces, desacougante no que se apalpa a soidade e a tensión dun home enfrontado ao seu destino.

Xavier Queipo (Compostela, 1957) escribe e publica regularmente en galego desde 1990. É autor, entre outros libros, de Ártico e outros mares (relatos, 1990); Ringside (relatos, 1993); O paso do Noroeste (novela, 1996); Malaria sentimental (novela, 1999); Papaventos (novela, 2001); O ladrón de esperma (relatos, 2001); Os ciclos do bambú (relatos, 2003); Glosarios (poesía, 2004); O espello e o dragón (literatura infantil, 2005); Dragona (novela, 2007); Caderno da Revolución Cultural (crónicas radiofónicas, 2007); Saladina (novela, 2007); Felices e diferentes (crónicas radiofónicas, 2009); A illa dos cangrexos violinistas (literatura infantil, 2009); Cartas marcadas (ensaio, 2010); Ártico 2.0 (relatos, 2011); Extramunde (Premio Xerais de Novela 2011) e 55 (relatos, 2014). Membro do Dichterscollectif van Brussel desde 2007. Premio da Crítica española en 1991 e Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao Autor do ano 2011. Participou en numerosos libros coletivos e antoloxías, traduciu do francés a Amin Maalouf e Hervé Guivert e, do inglés, a Joseph Conrad e James Joyce.

Comparte nas túas redes sociais ou por email