Rosendo Cid explora os mecanismos do humano en “Forma crúa de vida”

Categoría: Nova

Forma crúa de vida, de Rosendo Cid, é unha obra que indaga nos mecanismos do humano e na maneira en que construímos a nosa propia individualidade.

Cun espírito aforístico e unha aproximación surrealista, o autor propón unha exploración da identidade, entendida como un construto imaxinario ou social. Un libro escrito desde a necesidade de comprender os mecanismos que nos definen, no que a intuición, a intelixencia e a perspicacia se poñen ao servizo da reflexión e da creación.

Forma crúa de vida incorpórase á traxectoria literaria e artística de Rosendo Cid, caracterizada pola combinación do textual e o plástico e por unha práctica creativa que transita entre diferentes disciplinas.

Rosendo Cid (Ourense, 1974) desenvolve un proceso creativo no que conflúen a escrita e as artes plásticas. En galego publicou A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria (2021), obra recoñecida co I Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea; o poemario Sobrevivir na era da incerteza (2021); e o libro de relatos O señor H (2024). Baixo o nome de Eduardo Torres, tamén practicou a arte de riscar xornais.

Comparte nas túas redes sociais ou por email