Recoñecementos da OEPLI á LIX galega

Categoría: Nova

Os escritores Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey son algúns dos galardoados cos distintos recoñecementos que vén de anunciar esta fin de semana a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e que detallamos de seguido.

BIENAL DE ILUSTRACIÓN DE BRATISLAVA

Cada dous anos a OEPLI presenta 15 ilustradores a esta prestixiosa exposición internacional de ilustracións de libros para nenos e mozos organizada polo Ministerio de Cultura da República Eslovaca, a Comisión Eslovaca da UNESCO e a Casa Internacional da Arte para nenos. Celébrase durante os meses de setembro e outubro e, ademais da mostra de orixinais, celébrase un simposio internacional con especialistas en literatura infantil e xuvenil.
No marco da Bienal un Xurado Internacional concede, ás mellores obras, os seguintes Premios: un Grand Prix cun valor de 3000 $, 5 mazás de Ouro de 1500 $ e cinco Placas cun valor de 100 $ cada unha.

Para 2011 os ilustradores galegos seleccionados son:

ILUSTRADOR LIBRO EDITORIAL

• Anxo Fariña: No castelo de Mabel (Promocions Culturais Galegas)
• David Pintor: Contos para nenos que dormen deseguida (Kalandraka)
• Kristina Sabaite: Mamá cabra. Ola, ola,la! (Galaxia)

PREMIO ANDERSEN

O Premio Hans Christian Andersen, denominado "o Premio Nobel de la Literatura Infantil" outórgao, cada dous anos, o IBBY (International Board on Books for Young People) a un escritor/a e a un ilustrador/a cuxa obra completa significa unha contribución importante á literatura infantil. Está patrocinado pola Raíña Margarida de Dinamarca.
A OEPLI, como sección española deste Organismo Internacional é a encargada de propoñer os candidatos españois e para 2012 se presenta a candidatura do escritor AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ.
O fallo do Xurado farase público na Feira de Bolonia de 2012 e a entrega de Medallas durante o 33º Congreso de IBBY, que se celebrará en Londres, o mesmo ano.

LISTA DE HONRA DE IBBY

A Lista de Honra de IBBY é unha selección bienal de libros de recente publicación, que destaca a escritores, ilustradores e tradutores co fin de promover a tradución destas obras. A selección de títulos recóllese nun folleto e unha exposición itinerante, que se presentan no marco dos Congresos de IBBY.
Montse Pena Presas, como responsable da Sección de Crítica da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, propuxo 5 obras como candidatas a entrar na Lista de Honra do IBBY, nas categorías de tradución, ilustración e obra literaria.
Esas obras, foron sometidas a un proceso de votación entre os integrantes da Xunta Directiva, para elixir as obras finalistas.
O Presidente da Asociación non participou neste proceso de votación na categoría de obra literaria.
No apartado de ilustración, Montse Pena Presas contou coa colaboración de David Pintor, naquela altura vocal de ilustración da Asociación.
A mesma Sección de Crítica tamén propuxo candidatura para o Premio Andersen e para o premio Astrid Lindgren.
Unha vez celebrada a reunión na OEPLI e na que participaron as representantes de todas as delegacións territoriais españolas, o resultado é o que detallamos a continuación.

Para a Lista de Honra 2012 a OEPLI foron seleccionados os seguintes títulos:

-Modalidade de escritores
• Chamádeme Simbad, de Francisco Castro. Ed. Galaxia, obra que saíu elixida por maioría.

-Modalidade de tradutores
• Kafka e a boneca viaxeira. Traducido por Carmen Torres. Ed Galaxia, obra que saíu elixida por maioría.

PREMIO ASTRID LINDGREN

O Premio de Literatura en Memoria de Astrid Lindgren é un premio de literatura infantil e xuvenil establecido polo Goberno sueco en 2002 para honrar a memoria de Astrid Lindgren, unha das escritoras máis populares e máis lidas en Suecia e no mundo.
Para este galardón, Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) propón á escritora Fina Casalderrey e ao ilustrador Miguelanxo Prado. As súas candidaturas serán tidas en conta próximamente na xuntanza do xurado que outorgará o premio.

PREMIO IBEROAMERICANO DE LITERATURA INFANTIL EDICIÓNS SM

Este premio convocouse por primeira vez no ano 2005 co propósito de impulsar a literatura infantil e xuvenil en toda América Latina e recoñecer a traxectoria de autores que escriban para o público infantil e xuvenil.
Convócao anualmente o Instituto SM para a Educación xunto coas institucións que conforman a Asociación do Premio: Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC),International Board on Books for Young People (IBBY), Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC).

En 2011 a OEPLI propón a candidatura de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ.

Comparte nas túas redes sociais ou por email