As vidas de todos nós están cheas de elefantes. De imaxes da nenez nas que refuxiarmos unha e outra vez para buscar acubillo ante o desacougo que tantas veces asoma ao longo da vida. Ler este libro supón acompañar a unha serie de personaxes nun momento determinado das súas vidas no que todos eles conflúen, unha rede humana na que uns e outros buscan fíar o seu propio camiño entre luces e sombras. O pano de fondo desta novela, o tempo desta derradeira crise económica xunto a unha cidade como Compostela, tratada como poucas veces na nosa narrativa, fan da novela un texto cheo de verdade e proximidade, ao tempo que supoñen o complemento perfecto para esas vidas e para que nós, como lectores, sintamos a necesidade de pasar páxina tras páxina, de pescudar arredor desa marabillosa Janis e o seu devir diario, pero tamén na procura dun pasado ante o que moitas veces no nos gusta mirar, pero no que sempre, sempre, albíscase entre a néboa algún elefante para serenar o noso ánimo.