Un galego-cubano. Un cubano-galego. Asi definiu ao autor o cónsul xeral de Cuba en Galicia, José Antonio Solana, na presentación de "Días de Cuba", a última obra do noso autor, memoria da súa experiencia de tres décadas naquel país, ao que arribou por primeira vez dende Buenos Aires, en 1961, en compaña da súa dona Anisia Miranda. A presentación tivo lugar na librería Pedreira de Santiago de Compostela.
O libro recolle a visión de Cuba e da experiencia revolucionaria na que Neira Vilas e Anisia Miranda participaron activamente durante esa etapa das súas vidas. En palabras do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o libro vén completar a anterior entrega "Os anos da Arxentina, 1949.1961" no que o autor de "Memorias dun neno labrego" fala coa profesora Nora Longhini desa época, "fundamental na crónica cultural e policía da Galicia da emigración e o exilio" (Colección Memoria. Galaxia, 2008).
Participou tamén na presentación o secretario xeral de política lingüística, Valentín García, amigo persoal do escritor e durante un tempo primeiro responsable da Fundación Neira Vilas. "Un libro fundamental para comprender a obra e a traxectoria vital dun dos nosos clásicos vivos", explicou.
(No noso blogue deixamos, ademais, unha crónica en imaxes da xornada)

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR