Publicamos o primeiro libro infantil con pictogramas en galego

Categoría: Nova

Hoxe, 2 de abril conmemórase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Segundo estudos epidemiolóxicos da Organización Mundial do Autismo, 1 de cada 150 nenas e nenos en idade escolar poderían presentar un Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), polo que a detección temperá debe ser unha prioridade na intervención e orientación dos TEA, contribuíndo así á defensa dos seus dereitos e mellora da súa calidade de vida, permitíndolle aos profesionais e ás familias establecer aqueles criterios máis doados de tratamento e escolarización para cada caso, de cara ao seu desenvolvemento persoal e á súa inclusión social.

Unha característica que define ás sociedades civilizadas é a forma na que axudan aos seus membros con capacidades diferentes, polo que queremos aproveitar esta data para espallar o coñecemento e a sensibilización da cidadanía sobre o autismo. Estamos convencidos de que a inclusión das persoas con TEA supón unha riqueza para toda a sociedade que ten a responsabilidade de garantir a igualdade de oportunidades para todos e todas.

Con ocasión deste día, na cidade de Vigo, a Fundación Menela e a Editorial Galaxia presentarán o conto "Un soño na bandexa" adaptado á lectura con pictogramas, o primeiro libro infantil con pictogramas en galego. Por fin os nenos e nenas con TEA poderán ler un conto na nosa lingua, que chega así a un espazo máis de comunicación onde a súa presenza é aínda moi cativa, e contar cunha ferramenta máis na aprendizaxe da lectura. Ademais supón un elemento de visibilización dun sistema de comunicación que está integrado nun conto que pode ser lido por calquera neno ou nena, con discapacidade ou sen ela, no camiño cara á súa normalización.

A presentación, que terá lugar ás 18h no Salón de actos do Marco (rúa Príncipe 54) consistirá nunha sesión de contacontos por parte da súa autora, Mariné Lorenzo Corcoba, que xenerosamente doa os dereitos de autora á Fundación Menela, con ilustracións en directo de Jorge Vázquez e as intervencións do editor, Francisco Castro, o director xeral de Fundación Menela, Cipriano Jiménez e o concelleiro de Normalización lingüística do Concello de Vigo, Manel Fernández.

Ás persoas que merquen o libro ese día se lles agasallará cun vale, escrito en pictogramas, para canxear por un chocolate na cafetería Detrás do Marco, na rúa Londres s/n.

Por outra banda, o Concello de Vigo, súmase á acción internacional Light it up blue, promovida por Autism Speaks , que consiste en iluminar de azul edificios e monumentos emblemáticos, tinguindo de azul a noite do 1 ao 2 de abril o edificio do Antigo Concello (Praza da Constitución), a Casa das Artes (Policarpo Sanz), o antigo Reitorado (Areal) e as fontes da rúa Aragón e da Gran Vía.

Comparte nas túas redes sociais ou por email