Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega
En galego, por que non? é un libro escrito desde a lóxica máis esmagante, desde o sentido común máis evidente. É un libro para pensar sobre o galego e sobre as nosas actitudes fronte da lingua. A través de exemplos moi concretos e doados de entender, asistiremos a un exercicio de derruba dos prexuízos e as simplificacións que seguen tendo, arredor da lingua, un eco notable na opinión pública. Un libro para entendermos que optar polo galego non é algo antigo, nin errado, nin minoritario, nin rural, nin, desde logo, algo propio de radicais ou de intelectuais desconectados da realidade social.
Naceu en Lugo en 1963, pero en Vilalba é onde transcorre a súa infancia e adolescencia. A Terra Cha é a súa primeira patria. Estuda, traballa e vive máis tarde en Compostela, que é como el mesmo di a súa segunda patria.
Sempre foi un gran afeccionado á lectura, pero a súa inclinación pola escrita, di que quizais lla deba aos certames literarios do instituto de bacharelato vilalbés. Nese centro estreou as primeiras obras de teatro, ata tres montaxes aló contra final dos anos setenta. Despois estudou en Santiago onde ficou. En Galaxia ten publicado O achado do castro (1991, Premio Xiria de Creación Teatral 1987), Comedia bífida (2007), Planificación estratéxica (2009). Narrativa: Mar de fondo (1997), Menú de enganos (2010, Premio Frei Martín Sarmiento 2011). Tamén o ensaio e os traballos de investigación sobre cuestións relacionadas coa normalización do idioma ocuparon boa parte do seu tempo, como se recolle no libro En galego, por que non? (2009).