Neste volume inclúense os artigos publicados en La Voz de Galicia durante o ano 1998.
Diálogo constante, cita obrigada e cotiá cos lectores, os artigos xornalísticos de Carlos Casares conforman un dietario persoal onde a vida discorre coma un fluxo permanente. Como unha novela aberta, as columnas de "Á marxe" constitúen quizais un exemplo sobranceiro desta dimensión.

Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 2017.