Proclamenos o Ano Francisco Fernández del Riego

Categoría: Nova

Tal día coma hoxe, hai dous anos, deixábanos Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores de Galaxia, director da Fundación Penzol durante décadas e, sobre todo, guieiro e facho sempre aceso na procura dun horizonte de luz para a nosa terra.

E co fin de mostrar a súa inmensa dimensión no ámbito cultural do século XX, desde os seus anos na Universidade ate o seu tempo de reforma da Academia Galega, pasando pola súa longa traxectoria no galeguismo e no estudo e a investigación da nosa cultura, a Fundación Penzol comeza nestes días que é o segundo cabodano do seu falecemento a campaña para a conmemoración do Ano do Centenario de Fernández del Riego.

A Fundación Penzol vai liderar un proceso que a Editorial Galaxia toma como labor seu igualmente, e no que vai poñer, tamén, todo o esforzo que sexa necesario. Porque este país, tal e como o imaxinamos e queremos, non se pode entender sen o traballo de don Paco dende moi novo ata o derradeiro dos seus días. Por iso, dende a Editorial Galaxia sumámonos ao chamamento feito estes días dende a Penzol para que entidades, institucións e colectivos, mais tamén medios de comunicación, ensino e cidadanía en xeral, para que ao longo do ano, promovan e organicen actividades arredor da figura, inmensa, de Francisco Fernández del Riego.

Daquela, celebramos que a Fundación Penzol, que Fernández del Riego dirixiu desde 1963 a 2010, estea a preparar un calendario de actividades que están pendentes de distintos trámites, entre eles a axuda institucional, que está pronto a presentarse a comezos do ano vindeiro. Entre outras propostas, proponse proclamar o 2013 como Ano Fernández del Riego.

Daquela, sen reservas, proclamémolo!

Comparte nas túas redes sociais ou por email