Nunha librería Arenas que quedou pequena para acoller a tanta xente, Xosé Tomás, acompañado de Miguelanxo Prado e do editor do libro, o escritor Francisco Castro, presentou onte 'Nómades', novela coa que Editorial Galaxia inicia a súa colección de Novela Gráfica.
Miguelanxo Prado deu a benvida á colección de Novela Gráfica. Comezou aclarando que 'a novela gráfica é banda deseñada, e é un libro, igual que un documental é cine'. Celebrou tamén que agora os medios de comunicación xeneralistas comecen a ocuparse deste tipo de literatura.
Reflexionou diante dos presentes sobre o feito de que 'os seres humanos somos devoradores de historias, levamos esa necesidade gravada a lume, e as histórias de Nómades satisfacen esa necesidade, pois son tramas emocionantes, sobre todo polo tema escollido, o desarraigo, a emigración… Celebro que Xosé Tomás toque o tema con tanta delicadeza e sen caer no drama facilón'.
Do traballo de Tomás comentou que estamos diante dun autor que non é 'para nada conformista, pois cada novo traballo seu é unha reviravolta'. Segundo Prado, o de Betanzos é un artista que 'sigue traballando unha e outra vez na procura de novas linguaxes expresivas'.
Rematou a súa intervención falando do 'magnífico xogo de tonalidades do libro, cada historia co seu marco cromático preciso'.
En definitiva, segundo Miguelanxo Prado, 'un libro que non vos vai deixar indiferentes'.
A continuación, Xosé Tomás falou polo miúdo desta obra artellada sobre breves pero reveladores episodios que teñen como fío condutor a emigración e como protagonistas a mulleres de diferentes idades e condicións. Polas súas páxinas pasan mulleres que atravesan ou océano en caiuco, que se prostitúen para enviar ou diñeiro ás súas familias, que emigran na vellez por acompañar os fillos e que non consiguen adaptarse, que viven ás agachadas ou seu lesbianismo ou que non poden regresar ao seu país a enterrar a un ser querido pola situación laboral irregular na que se atopan.
Explicou Xosé Tomás que para facer esta obra tivo que documentarse a fondo para narrar e debuxar cada un destes episodios, un proceso no que ademais de coñecer de primeira man a realidade das súas protagonistas tamén lle serviu para rexeitar ideas preconcibidas.
Despois, o autor de 'Nómades' asinou, a todos os que quixeron, cadanseu exemplar do libro.
No noso blog deixámosvos algunhas fotos máis da xornada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR