Presentouse en Santiago 'Lar-Nai-Pan' de Xosé Neira Vilas

Categoría: Nova

O volume recompila tres traballos de poemas en prosa editados por separado en 1973, 1980 e 1986, respectivamente, e xuntos baixo o título ‘Charamuscas’ en 1993
A nova edición incorpora o cedé NAI no que a actriz Uxía Blanco interpreta os textos da peza homónima coa que o escritor de Gres homenaxeou á nai reivindicando a figura materna como portadora da sabedoría tradicional e da seguridade para encetar a vida.
O acto, celebrado onte na librería Pedreira de Santiago, contou,a demais de co autor, coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director xeral de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; e mais da actriz Uxía Blanco.
Malia seren escritas en anos diferentes, estas tres pezas que agora volve editar Galaxia gardan continuidade e comparten o mesmo ton poético, a mesma vontade de síntese e o mesmo afán evocador da infancia, da adolescencia e do tempo ido que caracterizan a obra neiraviliana. As páxinas chaman á reflexión e á saudade dos momentos vividos e dos escenarios íntimos, particulares e comúns, do múltiple devir da sociedade galega nos seus sentimentos, dores e esperanzas. En "Lar, Nai, Pan" é todo vello e novo ao mesmo tempo, pasado e presente, cavilación e vibrante latexo.
No noso blogue deixamos unha completa galería fotográfica do acto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email