Presentouse A ARTE DO IMPOSIBLE en Santiago

Categoría: Nova

A política é un proceso en construción, algo que se edifica colectivamente dende a razón e a paixón para transformar a sociedade. Os tempos que vivimos van esixir un importante esforzo intelectual para construÍr un discurso novo, sobre todo dende a esquerda, que faga compatible a democracia, a igualdade e a xustiza social na perspectiva de substentabilidade. A natureza non é algo infinito nin algo inesgotable. O progreso e o crecemento tampouco. Tempos que empezar a vivir con estas novas realidades que nada teñen que ver coa filosofía da abundancia e o crecemento indefinido, pensamento que moveu o mundo occidental (as sociedades desenvolvidas) durante moitos tempo e que cómpre revisar.

Estas e outras ideas formuláronse en Santiago, Na librería Couceiro, durante a presentación do libro "A arte do imposible", de Ramón áaiz, Premio de ensaio Ramón Piñeiro 2010. Na presentación participaron Xan López Facal, enxeñeiro e economista, e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, en presenza dun numeroso grupo de amigos e seguidores da obra de Ramón Máiz, entre eles o anterior presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, o exalcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, o político nacionalista Camilo Nogueira, o ensaísta Miguel Barros, a escritora Marilar Aleixandre, etc.

Ramón Máiz, cun amplo prestixio no mundo do pensamento e a ciencia política, mereceu o Premio Ramón Piñeiro na súa última edición por un libro escrito "dende a reflexión política e dende os desafíos dos novos tempos", segundo el mesmo explicou.

Cun importante aparato filosófico, en palabras de Xan López Facal, pero aberto ao público e ao debate, "que é a esencia do xénero de ensaio", segundo apuntou o director de Galaxia, o libro aborda cuestións palpitantes dende a esquerda democrática galega, federal e europeísta. "O discurso político é o resultado de todos os discursos que van confluíndo e enriquecendo o patrimonio común. Necesitamos pensamento. Necesitamos potenciar a fábrica das ideas. Velaquí unha achega importante que nos gustaría que tivese continuidade en debates e reflexións compartidas", explicaron os presentadores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email