Presentación en Vigo de "O sexo masculino dos anxos"

Categoría: Nova

Rodeado de incondicionais e flanqueado polo profesor de arte dramárica, editor e escritor, Damián Villalaín, e mais polo director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, Manuel Janeiro presentou en Vigo a súa última produción literaria: "O sexo masculino dos anxos".
Dous actores mozos, Pedro Placer e Pablo Carrera, puxeron primeiro en escena un breve diálogo entre os dous personaxes centrais da novela: Chichi e EL, e deseguido, rodeando o autor, que apareceu amordazado e atado a unha cadeira, interviñeron os presentadores. Freixanes falou da súa relación con Janeiro e do mundo vigués que compartiron nos anos 70 e 80, reafirmando algo co que non todos os lectores/críticos están de acordo: "Estamos diante dunha magnífica novela de carácter xeracional". Damián Villalaín, pola contra, púxose máis da parte do autor: "Unha novela de non-heroes, de personaxes un tanto des-xeracionados, fóra do tempo, inadaptados, fracasados, inmaduros, á procura dun soño que nunca dan conseguido…"
Unha vez desamordazado, Manuel Janeiro agradeceu con humor a presenza do numeroso público no local e reafirmouse na súa posición: "A novela é unha realidade autónoma, imposible identificar personaxes, narrador e autores, cada relato constrúe o seu propio universo, aínda recoñecendo con Gustave Flaubert que, ao final, todos somos madame Bovary".

Comparte nas túas redes sociais ou por email