A novelista Berta Dávila, o xornalista e crítico Iago Martínez e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, acompañaron a Alberto Ramos na presentación na librería Couceiro, en Santiago de Compostela, de "Máscaras rotas para Sebastian Nell", novela gañadora da última edición do Premio García Barros.
Cunha moi numerosa asistencia de lectores e lectoras, que encheron a librería, Alberto Ramos dialogou con Iago Martínez sobre a novela, comentada previamente por Berta Dávila, que descubriu algúns procesos creativos da mesma.
"Máscaras rotas para Sebastian Nell" estase a convertir nunha referencia da narrativa galega dos autores máis novos, cunha preocupación polo mundo na súa globalidade, mesmo alén dos espazos específicos do ámbito local galego. Aínda que como subliñou Berta Dávila, autora doutro título importante deste grupo xeracional "O derradeiro libro de Enma Olsen": "Aínda que falemos doutros personaxes, doutros espazos, doutros territorios culturais e xeográficos aparentemente moi alonxados de nós, todos estamos no mesmo, nun mundo cada vez máis aberto. No fondo todos estamos falando de Galicia".
No noso blogue deixamos unha galería fotográfica da xornada.