O xoves 15 de decembro, celebrarase, ás 20 h, na Fundación Padeia da Coruña, a presentación de Os corpos dos Romanov, Premio de Narrativa Breve Repsol 2022, de Alberto Ramos.
Acompañando o gañador, estarán Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, Mercedes Gómez Badiola, subdirectora de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, e Pablo Díaz Bouza, presentador do acto e xornalista.
Cun estilo literario inconfundible, ao tempo fráxil e punxente, Alberto Ramos constrúe en Os corpos dos Romanov unha intriga cativadora que atrapa a quen le na recámara onde cada segredo terrible agarda a súa detonación.
Dous homes entran nun bar. Non se coñecen, nunca cruzaron palabra e non poden sospeitar que, cinco días despois, un morrerá a mans do outro. Niso terá moito que ver unha muller, Carol Kembler, a irmá dunha nena desaparecida trinta anos atrás. E un suceso insólito: a evacuación de Augsburgo durante o Nadal de 2016 ao descubrirse unha bomba da Segunda Guerra Mundial que non estourara.
A cidade baleirada devorará a Matthias Lentz, a Wilhelm Wegener e á propia Carol nunha novela sobre o cruzamento involuntario de vidas e pasados, as cicatrices mal disimuladas do trauma e o silencio agreste do que permanece oculto. Pero tamén sobre o azar que move o mundo e os campos de minas que poden chegar a ser certas familias.
Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) licenciouse en xornalismo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Dende 2009 traballou na sección de cultura de Xornal de Galicia, ata o peche da cabeceira, pasando logo a traballar de freelance para diversos medios de comunicación. Combina o traballo de xornalista coa súa faceta literaria. No ano 2006, gañou o Premio Biblos Pazos de Galicia coa novela Dor pantasma. Tres anos despois, obtivo o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo e, en 2012, acadou o Premio Vicente Risco de Creación Literaria coa novela Todos os días, que repetiría en 2017 con A simetría das bestas. En 2014 publicou, con Editorial Galaxia, Máscaras rotas para Sebastian Nell, Premio de Novela García Barros.