Mañá mércores, na Libraría Couceiro de Santiago presentarase a nova novela de Alberto Ramos, 'Máscaras rotas para Sebastian Nell' que foi merecente do Premio de novela Manuel García Barros do ano pasado. Intervirán no acto, ademáis do autor, Berta Davila, Iago Martínez e Victor F. Freixanes.
No seu día, o xurado do premio destacou da novela gañadora a «grande orixinalidade estrutural» e a «densidade humana que resulta da caracterización do seu protagonista». Así, incidiu especialmente na capacidade do autor, Alberto Ramos, para unir a narrativa co xénero da entrevista. «Baixo esta fórmula, introdúcesenos nunha poderosa historia protagonizada por un actor inglés nas súas derraderias horas que lembra os seus días, cheos de luces e sombras, diante dunha xornalista coa que mantén unha longa entrevista. Polo camiño vai aboiando todo un mundo de miserias persoais e profesionais, de envexas e iras que tracexan un retrato intenso e non sempre agradecido do difícil universo do teatro e o espectáculo británico».