Presentación do libro-disco DE VOCES CEIBES A MILLADOIRO en Vigo

Categoría: Nova

Este mércores, ás 20 horas, o músico Anxo Pintos e o editor do libro, o escritor Francisco Castro acompañarán a Antón Seoane na presentación do seu libro-disco, coeditado por Galaxia e Pai Música, 'De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do Movimento Popular da Canción Galega (1973-1978'.

Da man de Antón Seoane, un dos nosos músicos máis importantes e peza fundamental de Milladoiro, no libro viaxamos polos anos anteriores á saída do primeiro disco da mítica formación, ao tempo que se revisa unha época (a fin do franquismo) e un proxecto: o intento por construír unha música de nós e botar a andar un proxecto absolutamente diferente: Milladoiro.

O libro acompáñase dun CD no que Antón Seoane, Pilocha e Rodrigo Romaní, coa participación de Nando Casal, Bibiano, Miro Casabella, X. Quintas Canella, Dónal Lunny, Harry C, Roi Casal, Manú Conde, Pancho Álvarez, Anxo Pintos, Segundo Grandío, Laura Amado, Quico de Cariño, Natalia Zoltan e outros compañeiros de viaxe e aventuras, volven gravar, dándolles nova vida, cancións emblemáticas do período 1973-1978, algunhas delas rexistradas para este proxecto por vez primeira.

Comparte nas túas redes sociais ou por email