Presentación do libro de Elena Poniatowska

Categoría: Nova

Onte, a escritora mexicana recibiu no Paraninfo de Fonseca, en Compostela, o galardón de Escritora Galega Universal que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. No acto, o escritor Manuel Rivas deu lectura á laudatio nun acto solemne no que estiveron presentes, entre outros, o Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Roberto Varela.
Hoxe, a editorial Galaxia presentará o seu libro, "A filla do filósofo", dez relatos verquidos ao galego por escritores e escritoras de nós que acomenten así un diálogo fecundo entre as culturas galega e mexicana, e entre dúas literaturas.
Os encargados da versión galega foron Francisco X. Fernández Naval, Xabier López López, Elvira Riveiro Tobío, Isidro Novo, Eva Veiga, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Xavier Queipo, María Reimóndez e Francisco Castro.
No acto de hoxe, enmarcado dentro das actividades da Feira do Libro de Santiago, ás 20 horas, participarán, canda Elena Poniatowska, o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e os autores-tradutores, Xabier López López, Eva Veiga, Anxos Sumai, Rosa Aneiros e Francisco Castro. Todos eles recitarán fragmentos do libro que hoxe presentamos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email