Presentación de “Sucos”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O xoves 17 de outubro, celebrarase, ás 12 h, no Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, a presentación do II Premio de Literatura Infantil “Simbad para o Recordo e o Alzhéimer”, Sucos, de Ignacio Vidal Portabales, ilustrado por Sandra Lodi.

Usuarias e usuarios de Agadea subirán ao escenario para ler algunas páxinas do libro.

Publicado na colección Árbore, recomendada a partir dos 8 anos, amosa a relación entre unha nena e o seu avó, unha extraordinaria aventura na que ambos percorrerán camiños e leiras, acompañados do agarimo que os une.

No acto, acompañando o gañador, participarán, Isabel Gey, presidenta da Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Alzhéimer; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

O galardón recaeu nesta edición sobre O nobelo de Nenuca, de Irene Alonso Gasalla e a ilustradora Ángela María Curro Sayáns. Celia Díaz Núñez recibirá un premio accésit pola súa obra A avoa canta como a cotovía.

O obxectivo deste premio é sensibilizar e dar a coñecer o Alzhéimer entre a cativada así como establecer vínculos, a través da literatura, entre as distintas xeracións. A entidade AGADEA ALZHÉIMER considera necesario ofrecerlle aos máis pequenos este tipo de ferramentas para entender a doenza, ser capaces de adaptarse a ela e así poder gozar da relación cos avós ou persoas que estén pasando por esta situación.

A III edición do premio supón a consolidación dun corpus específico de literatura infantil que aborda esta problemática para facela máis comprensible aos máis novos, aos que se pretende “concienciar e educar e tamén gañar a súa solidariedade”.

O xurado do Premio Simbad estivo composto polos escritores, Francisco Castro, que ademais é o presidente ad honorem do mesmo, Ánxela Gracián, que actúa como secretaria do galardón, Fina Casalderrey, Blanca-Ana Roig-Rechou e Baldo Ramos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email