Presentación de “Quérote canto”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova
O mércores 9 de xuño, celebrarase, ás 19:30 h, a presentación do poemario Quérote canto, de Baldo Ramos e Eva Veiga, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, organizada pola libraría Couceiro.
Acompañando os autores, estará Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
No acto intervirán os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares.
Entrada libre ata completar o aforo da sala.
Durante o proceso creativo do libro, Baldo Ramos e Eva Veiga deciden internarse uns días no mosteiro de Oseira, mais sen compartir durante a estadía o que pensan nin o que escriben. As súas voces, xuntas, transitan camiños distintos, nunha estancia común, que plasman nesta creación. Un resultado que consegue conmover ás lectoras e lectores, cunha execución maxistral.
O poemario Quérote canto demostra que a poesía é sempre o camiño.
Baldo Ramos (Celanova, 1971) cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos, cando comeza a escribir poesía. Ten publicado, entre outros, os libros: Palimpsesto (2009) e Cartografía do exilio (2014). Recibiu numerosos premios, entre outros, o Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, Fiz Vergara Vilariño, e foi accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.
Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, 1961) é autora, entre outros, dos libros de poesía: A luz e as súas cicatrices(2006), A distancia do tambor (2014, Premio Fiz Vergara Vilariño e Premio Poesía AELG), Soño e vértice (2016, Premio Poesía Concello de Carral e Premio da Crítica Española) e Silencio percutido(2016, Premio de Poesía Cidade de Ourense).

Comparte nas túas redes sociais ou por email