A editorial inicia unha nova colección dedicada ao ensaio contemporáneo

Categoría: Destacado, Nova

A editorial Galaxia inicia unha nova colección dedicada ao ensaio sobre temas de actualidade.
O libro de Lois Oreiro Os mundos de agora dá comezo á colección titulada Hoxeéhoxe.
O libro do xornalista Lois Oreiro, Os mundos de agora abre a nova colección da Editorial Galaxia dedicada a ensaio sobre temas de actualidade Hoxeéhoxe. A colección publicará ao longo do ano propostas ensaísticas de carácter moi actual, na idea de poder ofrecer ao público lector galego textos para a reflexión e para a compresión do noso día a día.
A colección ábrese co título Os mundos de agora no que o xornalista Lois Oreiro reflexiona sobre o concepto de “transhumanidade” e que ten que ver con ese ser humano pegado ás pantallas e, pouco a pouco, tamén el, dixitalizado. O libro explica como as fronteiras entre o dixital e o  humano vanse adelgazando día a día, co cal é posible o nacemento dunha nova realidade humana, tecnificada incluso no propio corpo (implantes cerebrais, no propio organismo…) e que vai ter repercusións claras na economía e na saúde. O mundo, tal e como o coñeciamos, dilúese. Unha nova fronteira albíscase no horizonte. Como o autor se pregunta: seremos ciborgs?
O libro sae esta semana á venda e será presentando en Santiago, polo autor e o director xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, o vindeiro xoves ás 19.30 na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email