Presentación de “Os mortos que amei”, en Vigo

Categoría: Nova

O xoves 19 de setembro, celebrarase, ás 20 h, en RioLagares, Vigo, a presentación de “Os mortos que amei”, de Iria Collazo López.

Acompañando a autora, estará Xavier Queipo, escritor.

Publicado na colección Literaria Ronsel de Editorial Galaxia, Iria Collazo escribe unha road trip disparatada a través de estampas da vida e da morte dos seus avós, co humor e a tenrura como protagonistas, que contan con nostalxia unha historia de amor imposible, onde todo o que coincide coa realidade é inventado.

Celeste decidiu fuxir con 83 anos, un día de abril, o mes en que abren as rosas das cerdeiras. Atopou a maleta onde levaría as súas pertenzas entre mantas e mantóns de estopa, la e angora; blusas de seda en tons pasteis e colo con brocado; bolsos de coiro de res criada coa mesta herba eterna da Pampa; broches dourados con forma de coleópteros máxicos…

O can Elvis e o seu consogro, Antón, taxista xubilado ao que sempre acompaña o fantasma da Vita, a súa muller, serán as únicas compañías na súa longa odisea cara ao Sur. Este é o relato da súa viaxe.

Iria Collazo López (1981) naceu en Barro, na mesma terra onde Celeste daba en turrar pola cavadora, e desde os sete anos reside en Moaña, a carón do mesmo mar en que Antón nunca foi quen de faenar.

É profesora de Ensino Secundario e, como dicía súa avoa, “literata”, con varias obras publicadas: “Coma unha áncora” (2015), “A soidade das medusas” (2016) e “A casa do paralelo 54” (2019), todas na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia. En 2020 publicou o poemario “De casa queimada”, gañador do segundo premio do certame
Torre da Caldaloba. En 2021 recibiu a I Bolsa Intercambio Xacobeo 21 Galicia-Xeorxia e, grazas á estadía dun mes na Writer’s House de Tbilisi, puido rematar “Os mortos que amei”, dedicada á memoria dos seus avós.

Non deixen de seguirnos na nosa canle de WhatsApp para coñecer todas as nosas novidades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email