O martes 12 de setembro, celebrarase, ás 20 h, na libraría Librouro de Vigo, a presentación de Mururoa, de Miguel Martín.
Acompañando o autor, estará Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Editorial Galaxia publica, na colección Costa Oeste, Mururoa, unha novela que afonda no comportamento humano, tanto a nivel individual como colectivo, diante de noticias que nos afectan no máis profundo do noso ser coma se fosen a explosión dunha bomba atómica.
Nesta historia, unha rapaza, Iria, desaparece sen rastro ningún, pero deixa un profundo desacougo na súa familia que, de súpeto, aprende que significa a palabra “amor” logo dunha vida en que cada quen ía ao seu. A desaparición da moza levará a todos a reflexionar sobre os seus sentimentos e a dependencia que temos cos que nos rodean. Ao tempo, algo pasa na vila, que tronza o cotián e que lembra ás xentes do lugar a nosa vulnerabilidade máis absoluta fronte a unha falsa sensación de protección.
Miguel Martín (Ponteareas, 1976) é xornalista de vocación e profesión. Durante 18 anos foi o rostro dos informativos locais en Televigo, onde entrevistou a xente da cultura, da economía e da sociedade da cidade olívica. Tamén traballou varias temporadas como correspondente deportivo en Vigo para a Agencia EFE, seguindo a actualidade do Celta e asinando as crónicas dos seus partidos en Balaídos, entre outros traballos.
Agora dedícase á política municipal na súa cidade como concelleiro. Vive en Bouzas, afastado, o que pode, das redes sociais, e no tempo libre ve cine e escribe. Mururoa é a súa primeira novela publicada.