Presentación de “Memorias dun neno labrego”, na Estrada

Categoría: Nova

O xoves 23 de maio, celebrarase, ás 20 h, na Casa das Letras da Estrada, a presentación da novela gráfica Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, adaptado por Iria Aldegunde.

Acompañando a ilustradora, estarán Pilar Bernárdez (Recuncho da Lingua); Carlos Loureiro, mestre e escritor; Gonzalo Louzao Dono, alcalde do Concello da Estrada; Pilar Sanpedro Martínez, membro da Fundación Neira Vilas; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

Coa colaboración do actor da EMAE: Rodrigo Feijoo.

Publicada na colección Novela Gráfica, a adaptación a banda deseñada do clásico de Neira Vilas está debuxada con sentimento e bo pulso narrativo. 

Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ningúen. E ademais, pobre.

Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica. 

Iria Aldegunde pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.

Nesta novela gráfica atoparedes moitas desas respostas.

XOSÉ NEIRA VILAS (Gres, 1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e A Habana. Da súa extensa e variada obra literaria, cómpre salientar “Memorias dun neno labrego” (1961), das novelas galegas máis reeditadas e traducidas.

IRIA ALDEGUNDE (Santiago de Compostela, 2000). Historietista, compaxinou os estudos de Filoloxía Inglesa xunto coa súa formación en banda deseñada na escola profesional O Garaxe Hermético. Participou nos libros colectivos “Florencio” (2022) e “Gaspariño XXI” (2023).

Comparte nas túas redes sociais ou por email