O mércores, 22 de maio, ás 12:30 h, celebrarase a inauguración da exposición biobibliográfica que a Fundación Penzol instala no vestíbulo da súa sede, na Casa Galega da Cultura de Vigo, como homenaxe á escritora a quen a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas de 2024, Luísa Villalta.
O acto contará coa participación de Malores Villanueva, secretaria do Padroado da Fundación Penzol; Susana, Villalta, irmá da homenaxeada; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol, e Abel Caballero, alcalde de Vigo.
Luísa Villalta publicou, en apenas vinte anos, de 1989 datan os seus primeiros escritos, case que quince títulos, ademais de numerosos textos en revistas e publicacións colectivas.
Unha intensa actividade que se decanta nunha obra que abranxe diversos xéneros literarios: o ensaio, o teatro, o xornalismo de opinión, a narración e mais a poesía. O seu falecemento temperán, en 2004, con só 46 anos, tronzou a súa vida nun momento de plena madureza creativa. Ademais da súa actividade literaria, tamén foi unha notable violinista.
A exposición organizada pola Fundación Penzol, de carácter divulgativo, presenta, en catro paneis un sintético percorrido pola súa vida e obra. Ademais, en tres mesas-vitrina amósanse corenta publicacións que recollen boa parte da súa obra, pertencentes aos fondos da Biblioteca Penzol.
Permanecerá aberta ata o 29 de setembro.