Presentación da biografía e obra de Manuel García Barros, na Estrada

Categoría: Nova

O martes 11 de maio, celebrarase, ás 20:30 h, no Teatro Principal da Estrada, a presentación dos libros Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento, de Carlos Loureiro Rodríguez, e Contiños da terra, de Manuel García Barros.
Acompañando o autor, asistirán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, José López Campos, alcalde do Concello da Estrada, Xesús Domínguez Dono, responsable de edición, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
O acto contará con aforo limitado.
O estradense Manuel García Barros, nado en Berres en 1876, exerceu o maxisterio e o xornalismo, áreas desde as que sempre defendeu, dunha maneira férrea o seu pensamento agrarista, anticaciquil e galeguista. Nun momento no que non era doado exercer o activismo de ningún modo, Ken Keirades, nome co que asinaba os seus artigos anticaciquís, sementou as súas ideas na poboación da época sorteando os obstáculos do momento, con astucia e creatividade.
De humilde orixe labrega, García Barros coñecía de primeira man a alma do pobo galego e as súas necesidades. A través das súas ideas galeguistas e progresistas, loitou de maneira incansable a favor da cultura e da lingua galegas. Así o conta Carlos Loureiro Rodríguez, na biografía Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento, que honra o seu valiosísimo legado. Un relato moi completo arredor dunha figura que foi e é exemplo de coherencia cívica e profundo sentimento democrático.
Unha persoa comprometida que achegaba aos demais a cultura a través de xéneros coma o teatro, o conto ou a poesía. Proba disto é a súa famosa obra Contiños da terra. Un conxunto de relatos de fonda raigaña costumista, que publicou no xornal estradense El Emigrado.
Empregando a ironía e o humor como arma de acción, estes relatos foron creados non só como un simple entretemento, senón tamén como unha ferramenta instrutiva, a través do costumismo, para “afeccionar o pobo á lectura no noso idioma abríndolle camiño a cousas de máis fondura polas que era preciso facelo entrar”.
Da súa creación destacan a obra teatral Carta da Habana, estreada en 1926, e a novela As Aventuras de Alberte Quiñói, que rematou de escribir en 1942 e só vería a luz postumamente. Tamén a colección de relatos inéditos Enredos e a miscelánea autobiográfica Dos meus recordos foron publicados logo da súa morte. Desde 1957 o escritor estradense foi correspondente da Real Academia Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email