Presentación de Galaxia Tales no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Categoría: Nova

Dentro do marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, o editor Francisco Castro presentará a web de Contos Interactivos en galego, inglés e castelán, Galaxia Tales.
Galaxia Tales é unha páxina web de contos interactivos en Rede, listos para ser visualizados e mercados dende calquera soporte que teña conexión a Internet. A páxina, que sen dúbida abre novos camiños para o achegamento da cultura á cidadanía (neste caso a cidadanía de menor idade), fornece contos en galego, castelán e inglés. Estes contos non só conteñen animacións, senón tamén música orixinal e locución nas tres linguas para que poidan ser gozadas de moitas maneiras.
Os relatos nacen cun prezo simbólico de 2,42 euros e dende a web existe a posibilidade de, antes de mercar, visualizar aproximadamente un 20 por cento de cada conto.
O proxecto complétase con fondos de escritorio, láminas para colorear e extras relacionados cos autores, ilustradores e actrices de dobraxe que participan no proxecto. Galaxia Tales arrincou con dúas achegas: 'Unha sorpresa para Goruk' de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e ¡Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán' de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.

Comparte nas túas redes sociais ou por email