Presentación de “Florencio Delgado Gurriarán”, na Pobra de Trives

Categoría: Nova

O xoves 12 de maio, celebrarase, ás 18 h, no Auditorio Julio Vázquez da Pobra de Trives, a presentación de Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero.
Acompañando o autor, estarán o escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez Barja e Franciso García Sánchez, director do IES Xermán Ancochea Quevedo.
Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero, é o título que recibe o estudo sobre a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2022. Publicado na colección Letras Galegas de Editorial Galaxia, afonda na biografía e na obra do poeta de Córgomo.
O catedrático Xesús Alonso Montero é unha das personalidades que máis levan reivindicando a obra de Florencio Delgado Gurriarán. Nesta antoloxía poética, afonda no coñecemento da obra lírica do autor, poñéndoa en relación coa súa peripecia vital.
É Florencio Delgado Gurriarán un escritor que hai tempo que reclamaba a atención dos críticos. Desde este traballo, Xesús Alonso Montero achéganos á súa nobre obra literaria e á súa biografía na terra, na guerra e no exilio, moi condicionada por acontecementos adversos, onde, nese longo período, o poeta mantivo sempre ergueita a súa dignidade e o seu compromiso cos ideais que abrazara de mozo.
Coa súa poética, Delgado Gurriarán, cantou a paisaxe e os froitos báquicos de Valdeorras, e desde a súa preocupación polo idioma tamén se debruzou sobre el para compoñer unha serie de sentidos poemas sociolingüísticos, insólitos no seu tempo, á vez que cultivou a sátira e os poemas elexíacos.
Poucas matrias en Galicia posúen un poeta da autenticidade e inspiración amosadas por Delgado Gurriarán. Poeta de Valdeorras, é poeta de Galicia, e, nalgunhas páxinas, poeta para ser lido en calquera latitude.
Xesús Alonso Montero. Ensaísta e polígrafo nado en Vigo en 1928. Pertence á promoción de escritores que iniciaron o seu labor intelectual e cultural tras a Guerra Civil. Dende entón desenvolveu un abondoso traballo de publicitación e espallamento da cultura galega nas súas distintas dimensións.
Foi elixido Presidente da RAG en abril de 2013.

Comparte nas túas redes sociais ou por email